Buscar este blog

martes, 16 de junio de 2020

UN HOME MOI ESPECIAL (Texto e exercicios de comprensión lectora)

Era un home moi especial. Só estivemos xuntos dúas veces, unha boa conversa cada unha, mais quedoume gravado para moitos anos. Dixo que se chamaba Fuco e que xa non lembraba cando cumprira os vinte anos; eu calculo que andaría polos setenta. Era alto, sobre l'80. Levaba un pantalón vaqueiro moi usado, camisa escura, chaqueta de pana marrón e botas altas de coiro de becerro. Cando o atopei alí fronte á cova, fiquei aparvallada ante a súa inesperada aparición; eu estaba sentada na area e a súa figura víase ampliada polo sol que caía polas súas costas. Sorriu, sentou na peneda e estivo un anaco calado ollando as ondas. Lémbroo ben, cuns ollos pequenos –tal vez verdes- pero moi profundos, enmarcados por unhas cellas grises e grandes. Desde eles baixaban unhas engurras curtidas e ben marcadas, sen rastro ningún de olleiras. Canta vida estaba escrita nelas! Levaba unha pequena pucha colocada descoidadamente cara atrás e que deixaba ver dúas amplas entradas; no medio un feixe de cabelos grises ben recortados que parecían querer avanzar pola súa fronte engurrada. A súa boca era pequena e os beizos secos, da cor da nicotina, case non se deixaban ver por culpa dun bigote ben poboado. O nariz longo e estreito nin se notaba porque chamaban máis as orellas, grandes e ben pegadas á cabeza.

Logo púxose en pé e dixo "que contas, meniña?". Estaba moi fraco e ben rexo. Cos ombreiros erguidos e a cabeza alta púxose en crequenas e deume a man "encantado!, como te chamas?" Era unha man suave e forte ao mesmo tempo, cuns dedos longos e agarimosos que convidaban á amizade. Así comezou aquela aventura.



EXERCICIOS:

l.- Características que fan deste texto unha descrición.

2.- Procurar nun dicionario:  peneda, curtido, pucha, crequenas.

3.- Que clase de palabras se consideran tabú? Indicar os eufemismos máis comúns que as substitúen.

4.- Supoñamos que temos que dar os datos físicos de alguén que nos roubou a cara descuberta e demoradamente. Escribilos fixándose no aspecto de alguén coñecido e tendo en conta estes puntos: estatura, gordo/fraco, cabelo, barba ou bigote (homes), pel da cara, nariz, ollos, cellas, queixo, beizos, meixelas, ombreiros, mans, vestimenta, etc. (Deixádeme as descripcións nos comentarios)

1 comentario:


  1. SOLUCIÓNS EXERCICIOS

    l.- Características que fan deste texto unha descrición.
    Describe a un home.
    Usa o detalle para transmitir unha idea clara de como é.
    As súas funcións fundamentais son as de definir, explicar e incitar.
    O contido é enumerar as características.
    É un retrato verbal.
    Usa comparacións.

    2.- Procurar nun dicionario: aparvallado, peneda, curtido, pucha, crequenas.
    aparvallado,atolondrado, parvo, persoa que non é moi lista.
    Peneda: Pena de gran tamaño, rocha a rentes do chan.
    Curtido, Pel torrada e endurecida polo sol. Persoa afeita aos traballos e sufrimentos.
    Pucha, Peza de vestir de forma redonda, que serve para abrigar ou para tornar o sol da cabeza.
    Crequenas, Dobrar o corpo, normalmente inclinando a cabeza cara a abaixo

    3.- Que clase de palabras se consideran tabú? Indicar os eufemismos máis comúns que as substitúen.
    As palabras tabú son aquelas que evitamos usar xa que están mal vistas socialmente, fan referencia as realidades soeces, vulgares, desagradables ou políticamente incorrectas. Para substituílas utilizamos os eufemismos.

    Por exemplo:
    Tabú……………………….eufemismo.
    Loucura……………………demencia.
    Retretre……………………inodoro.
    Parir……………………….Dar a luz.
    Cego……………………….Persoa invidente.

    4.- Supoñamos que temos que dar os datos físicos de alguén que nos roubou a cara descuberta e demoradamente. Escribilos fixándose no aspecto de alguén coñecido e tendo en conta estes puntos: estatura, gordo/fraco, cabelo, barba ou bigote (homes), pel da cara, nariz, ollos, cellas, queixo, beizos, meixelas, ombreiros, mans, vestimenta, etc. (Deixádeme as descripcións nos comentarios)

    ResponderEliminar