Buscar este blog

lunes, 27 de abril de 2020

REPASO DO ADXECTIVO E OS SEUS GRADOS. 5º E 6º. (TEORÍA)

TEORÍA

O adxectivo é un tipo de palabra variable que acompaña o substantivo e concorda con el en xénero e número.
Por exemplo, se o substantivo está en feminino singular o adxectivo ten que estar en feminino singular:  A mesa (subs,femi, sing) vermella (adxect, femi, sing)

Os adxectivos cualificativos expresan calidades ou características que se lles poden atribuír aos substantivos aos que se refiren, é dicir, dinos como é o substantivo.

A calidade que expresa o adxectivo pódese manifestar en diversos graos: positivo, comparativo e superlativo.

  •  Grao positivo. É o grao no que está un adxectivo que expresa unha calidade ou estado sen matizar ningunha intensidade do mesmo. El é unha persoa interesante.
  •  Grao comparativo. Un adxectivo está en grao comparativo cando compara a intensidade coa que dous substantivos posúen a mesma calidade: Este chiste á máis divertido ca o anterior. 
  • Grao superlativo. Un adxectivo está en grao superlativo cando expresa unha calidade no seu maior grao: Estou esgotadísima.
Procedementos de formación do comparativo.

 A comparación pode ser de tres tipos:


  • De igualdade: as dúas calidades posúense no mesmo grao. Os contos son tan interesantes coma as novelas. 
  • De inferioridade: unha calidade posúese en menor medida ca a outra. Os contos son menos interesantes ca as novelas 
  • De superioridade: unha calidade posúese en maior medida cá outra. Os contos son máis interesantes ca as novelas. 


As partículas comparativas úsanse seguindo estas regras:


  • COMA e CA son obrigatorios cando segue pronome persoal tónico (min, ti, el, ela...) El é máis alto ca ti - El é tan alto coma ti. 
  • COMO e QUE (ou DO QUE) son obrigatorios cando segue un verbo en forma persoal. É menos intelixente do que pensa.
  • Nos demais casos pódese optar entre unha forma ou outra, aínda que é recomendable utilizar as formas en –a. 


Convén recordar que cando a partícula comparativa CA vai seguida de artigo esta pode contraer con el ou non.No caso de realizárense as contraccións, estas son as formas resultantes:
 Ca +a = cá Ca +o = có Ca + as = cásCa + os = cós 


Procedementos para formar o superlativo .

Distínguense dous tipos de superlativo segundo comparemos a calidade con outros substantivos que tamén a teñen pero en menor grao (superlativo relativo) ou nos centremos unicamente nun substantivo que posúe esa calidade nun grao moi alto (superlativo absoluto).
Fíxate na diferenza:

  • É a película máis divertida da carteleira . (superlativo relativo)
  • É unha película divertidísima. (superlativo absoluto)

O superlativo relativo fórmase segundo esta fórmula:
artigo + máis/menos + adxectivo + de + 2º termo. 

O superlativo absoluto pódese formar das seguintes maneiras:

  1. Engadíndolle ao adxectivo o sufixo –ísimo (ou –érrimo nas formas cultas): El é intelixentísimo, Libérrimo. 
  2. Antepoñendo prefixos como super–, ultra– ou hiper–. Ela é superintelixente. 
  3. Antepoñendo o adverbio moi ó adxectivo: El é moi intelixente. 
  4. Antepoñendo o adverbio ben: Ela é ben intelixente 
  5. Antepoñendo adverbios rematados en –mente: El é extremadamente feliz. 
  6. Repetindo o adxectivo: Ela é lista lista



No hay comentarios:

Publicar un comentario